lunes, 1 de octubre de 2012

Mirada ao "25-S".

Pasou case unha semana e "arrefriouse" un pouco a situación vivida o pasado 25 de setembro nas rúas próximas ao Congreso dos Deputados, en Madrid.

Para  a elaboración desta tarefa expóñense cuestións como "que aconteceu?", cuestións que poden obter un alto número de respostas, en función do ángulo desde o que se observe.

O meu punto de vista particular é que un amplo número de cidadáns exerceu o seu dereito a manifestar as súas opinións, neste caso o desexo dunha democracia mellor, o remate das políticas agresivas contra os cidadáns ou a esixencia dunha clase política máis "limpa" por expresar dalgunha maneira a necesidade de rematar coa corrupción ou as altas retribución destas personaxes.

Esta concentración que levaba por nome "rodea o Congreso" pretendía facerlles chegar aos gobernantes as peticións dunha parte da cidadanía mais estas peticións foron silenciadas por un dos múltiples métodos cos que conta o Estado Español (neste caso): as forzas de seguridade, máis concretamente a Policía Nacional.

A Policía Nacional xogou o difícil papel de arrementer contra os seus iguais (xa que, no fondo todos somos persoas) tal e como lle ordena o poder (na concentración que nos ocupa este papel interpretouno a Delegación do Goberno en Madrid). A Policía Nacional cumpre en moitas ocasións o papel de salvadora (o narcotráfico, loita contra bandas organizadas e outros moitos exemplos) mais, noutras, convértese no inimigo, cando empregan a violencia para silenciar as pretensións daqueles que, co seu traballo diario, os manteñen a fin de mes. O pasado martes, os axentes recibiron ordes de disolver a manifestación que a algúns non lles conviña xa que "perxudicaba a 'marca España'", xa está bastante danada polo deficiente "traballo" dos nosos "representantes" e así o fixeron, comezaron a golpes con todo aquel que tentaba berrar demandando un futuro mellor do que parece que imos ter.

Non quero esquecerme tamén dos catro insociables presentes en todos os sitios, que nesta ocasión non faltaron tampouco. É envexable a valentía da xente que deixa a voz para lograr o que considera mellor para a sociedade pero é lamentable a actitude daqueles que se dedican a facer que estes nobres actos rematen nunha batalla. Nesta ocasión tamén houbo manifestantes violentos, pero non merecen nin unha letra máis.

Así e todo, e a modo de conclusión, dame mágoa vivir nun país no que acontece isto. Pode que a crise económica, os roubos dos políticos e a súa insolidariedade danen a nosa imaxe no exterior mais, o que de verdade nos fai dano é que nos vexan loitar como salvaxes.

A.V.



1 comentario:

  1. Grazas pola túa aportación. Quizais sería interesante proporcionar fontes documentais, dende todas as perpectivas, que completaran o teu discurso.

    ResponderEliminar