jueves, 29 de noviembre de 2012

Docu-documentación

Debo dicir que na miña casa toda a vida estivo (e está) posta a TVG e cando hai tempo escóitase a Radio Galega pero, ata agora, non sabía moi ben de onde viña e cara a onde ía todo o material que estes dous medios (nas súas diversas canles e tamén na páxina web) nos ofrecen.

Pois ben, esa dúbida xa quedou solventada desde o momento en que os alumnos do Grao en Xornalismo da Universidade de Santiago de Compostela tivemos a oportunidade de visitar o Centro de Documentación da CRTVG.

Alí explicáronnos como funciona un traballo que para moitos será tedioso e rutineiro, pero que garda o seu encanto (sempre e cando che guste o mundo da tecnoloxía e os soportes de audio e vídeo e sexas unha persoa bastante organizada, he he). Neses 400 (creo que eran) metros cadrados gárdase a memoria audiovisual da Galicia dos últimos case trinta anos en diversos formatos, desde rolos similares aos do cinema con capacidade para dúas horas ata os formatos actuais máis compactos.

Tamén fomos partícipes de como se clasifica todo o entramado de series, declaracións recollidas para os telexornais, publicidade, películas e todo o que podemos ver e escoitar cando sintonizamos algunha das canles da  CRTVG.


Coido que esta visita non foi unha visita baladí, que aprendimos como se clasifica toda a información para saber como reutilizala e botar man dela para futuras pezas porque case todo está inventado e case sempre, cando elaboramos unha información, nos decatamos de que ten conexíón ou base en feitos anteriores. Para isto é útil o Centro de Documentación, para saber localizar e poder botar man de contidos que lle axudan moito ao xornalista.

Seguramente agora todos valoramos moito máis o traballo (case sempre a contrarreloxo) dos documentalistas. Sinxelamente impresionante.

No hay comentarios:

Publicar un comentario