domingo, 4 de noviembre de 2012

Síndrome da Inmunodeficiencia Social ou como tirar por terra o pouco que obtiveramos.


Síndrome da Inmunodeficiencia Social ou como tirar por terra o pouco que obtiveramos.


RESUMO:
Este artigo de José Antonio Marina recollido en El Mundo Orbyt trata algúns dos temas de maior actualidade na sociedade de hoxe en día, como pode ser a corrupción ou a desconfianza nalgúns axentes políticos e sociais, agravada nos últimos tempos por mor da crise económica.
Marina establece un símil entre un síndrome de inmunodeficiencia e estas lacras que quere mostrar de xeito que adopta o termo “síndrome de inmunodeficiencia social” que ten como principais infeccións a corrupción, a carencia de pensamento crítico, a proliferación de actos delictivos por parte daqueles que controlan os poderes públicos ou a convicción nos cidadáns de que todo desaforo queda impune.
O autor tamén describe como se desenrola este síndrome xa que fala de que a tolerancia a estes delitos é similar  á tolerancia que a droga produce no organismo dos seres humanos, de xeito que cada vez necesitamos que estas fraudes á sociedade sexan máis avultadas para decatarnos de que existen.
Con todo, José Antonio Marina non se dedica soamente a mostrar a situación do sistema que el observa, tamén ofrece posibles solucións a ela mediante a crítica construtiva dos cidadáns ou a participación de todos e todas para lograr progresar  conxuntamente como unha sociedade.
Finalmente, reserva un oco desta peza para falar das institucións básicas que forman parte do conxunto da sociedade actual (democracia, tecnoloxía, racionalidade científica e mercado libre), institucións que el denomina “suicidas” por ser enormemente perigosas se non se someten ao marco ético axeitado.



AS CLAVES:
Neste apartado centrareime en palabras técnicas ou algunhas expresións descoñecidas que emprega o autor e tamén tentarei indagar nalgunhas curiosidades que gardan relación coa temática do texto.

*Síndrome: a Real Academia Española da Lingua define o termo “síndrome” como “conjunto de síntomas característicos de una enfermedad” ou “conjunto de fenómenos que caracterizan una situación determinada”. Neste caso, os fenómenos que caracterizan esta enfermidade é, tal e como se citou anteriormente, o deterioro da situación que vive a sociedade, na que impera a desconfianza na clase política e nos encargados de levarnos por un bo camiño.

*Síndrome de Inmunodeficiencia Adquirida (SIDA). Paréceme oportuno facer breve mención a esta enfermidade, non só por ser a base do símil que emprega o autor, senón pola súa importancia na sociedade moderna que deixa abandonada á súa sorte á meirande parte dos que a padecen, especialmente no continente africano.
O Síndrome de Inmunodeficiencia Adquirida é unha enfermidade que se desenvolve a consecuencia da progresiva destrución do sistema inmunitario (as defensas) do noso organismo. Esta destrución ven dada polo Virus da Inmunodeficiencia Humana (VIH) e ten como consecuencia a aparición de diversas infeccións, procesos tumorais, etc.
O SIDA transmítese principalmente por transfusións de sangue, intercambio de agullas, vía sexual ou materno-filial e a medicina non parece atoparse preto de encontrarlle unha cura, non só pola extrema dificultade das investigacións, senón polo escaso apoio das grandes compañías farmacéuticas.

*Patóxeno: un patóxeno é calquera microorganismo capaz de producir unha enfermidade infecciosa. Entre os patóxenos están incluídos os virus, as bacterias e os protozoos entre outros. Para o noso caso, os patóxenos  que atacan o organismo da sociedade son a corrupción política, a proliferación de casos delictivos, a carencia de pensamento crítico da sociedade ou a tolerancia ás accións irregulares ou fraudulentas dos “altos mandos” da sociedade.

*Bases do pensamento crítico: indagando un pouco na internet cheguei a unha sinxela presentación que mostra diferentes características do pensamento crítico tan ausente na actualidade para o autor do texto. Algunhas destas características poden ser: identificar, cuestionar, comparar, clasificar, analizar, sintentizar, evaluar, formular hipóteses, etc. algo que certamente notamos en falta hoxe en día polo que considero que deberiamos retomar o camiño do pensamento crítico e deixar o “laissez faire, laissez passer” no que nos atopamos mediante o cal non intentamos mudar a situación imperante.

*Informe Crick: unha das poucas dúbidas que me deixou o texto foi saber que sería o “informe Crik”, de xeito que me volvín a poñer “mans á obra” para atopar algo de información sobre este informe que se lle presentou ao Goberno do Reino Unido e que estivo dirixido polo teórico político Bernard Crick.
Este informe plantexa tres ambiciosos obxectivos aos que debe aspirar a mocidade do futuro: fomento da responsabilidade social e moral, fomento da implicación comunitaria e ampliación da cultura política.
Na miña opinión son plantexamentos e obxectivos correctos, xa que grande parte deste “laissez faire” que citaba antes creo que está motivado polo descoñecemento que a cidadanía ten do organigrama interno das institucións públicas e privadas, dos partidos políticos e outro tipo de organizacións. Por isto, sería aconsellable aumentar a nosa bagaxe neste tipo de coñecementos para tentar lograr entre todos unha sociedade máis “limpa”, por dicilo dalgunha maneira.

*Querelas: e para rematar... un caso de chiste! En relación co que o autor mostra sobre a facilidade coa que se querela neste país, unha mostra de como este tipo de procedementos xudiciais poden chegar a facer que unha maxistrada abandone o seu posto de traballo e se agarre á primeira praza que sae a concurso, froito da intensa actividade do xulgado de Alcobendas, derivada do alto número  de querelas presentadas contra o programa “Sálvame”. Remato coas declaracións da maxistrada: «Lo dejo, no puedo más».


AS FONTES:
A explicación da súa elección está contida no apartado anterior, polo que me limito a enumerar as fontes empregadas para a realización deste traballo.
«¿Qué es el SIDA?» [en liña] aciprensa.com , 3 de novembro de 2012 <http://www.aciprensa.com/sida/definicion.htm>

«Patógeno» [en liña] enciclopedia.us.es, 3 de novembro de 2012    <http://enciclopedia.us.es/index.php/Pat%C3%B3geno>

«Fundamentos del pensamiento crítico» [en liña] slideshare.net, 3 de novembro de 2012 <http://www.slideshare.net/jcfdezmx5/fundamentos-del-pensamiento-critico-presentation>

«El Informe Crick» [en liña] ciudadania.profes.net, 3 de novembro de 2012 <http://www.ciudadania.profes.net/ver_noticia.aspx?id=9992>

«Una magistrada deja el juzgado harta de las querellas que le llegaban de Telecinco» [en liña] abc.es, 3 de novembro de 2012 <http://www.abc.es/20121030/tv/abci-juzgados-saturados-querellas-salvame-201210301657.html#.UI__SNa0jGY.twitter>

«Síndrome» [en liña] rae.es ,3 de novembro de 2012 <http://lema.rae.es/drae/?val=sindrome>



CONCLUSIÓNS:
Como conclusión principal deste traballo obteño que non podería estar máis de acordo coa opinión do autor, estámonos deixando levar e deixando facer a  aqueles que supostamente lles outorgamos o poder nunhas eleccións e isto pode ser perigoso.

Considero que é misión dos cidadáns loitar polo que lograron con esforzo durante moito tempo e non deben renderse na loita contra a fraude das institucións creadas por eles e para eles. Só así lograremos unha sociedade mellor da que estar orgullosos.

A.V.

1 comentario:

  1. Ben o esforzo, pero sería necesario poñer a referencia ao artigo para contextualizar o traballo. E imprescindible apuntar a fonte orixinal, como é imprescindible incorporar a fontes documentais que se usan para completar, para ampliar, para precisar o texto e que era, en definitiva o noso traballo.
    Tamén había que establecer relacións entre claves e fontes, e ver das fontes o que entresacamos, facendo, por exempli, citas.
    Pedíase unha cuestión concreta: establecer as claves do texto, relacionar esas claves con fontes que axudaran a comprender mellor os conceptos non as definicións, e explicar a relevancia desas fontes, e esa relevancia só se advirte se se apuntan ideas e propostas desas fontes (repetido noutros blogs).
    As citas teñen todas a mesma estrutura, pero hai certos problemas nas referencias feitas.

    ResponderEliminar